Ferrol celebrará este domingo unha carreira e unha andaina solidaria contra o cancro

1 minutes read
  • O obxectivo é conseguir máis fondos para a AECC

A delegación en Ferrol da Asociación Española contra o Cancro organizou unha carreira e andaina solidaria para este domingo día 10 de novembro. O obxectivo principal é recadar máis fondos para combater a enfermidade. Os organizadores esperan superar os 4.000 participantes, baixo o lema “AECC en marcha – Contra o cancro, corre por Ferrol”.

O prazo de inscrición finaliza este mércores día 6 e quen desexe participar pode anotarse a través da web ou de forma presencial na rúa Real, 6, 1ºD en Ferrol.

Esta será a sétima edición da carreira en Ferrol e por agora as cifras son boas, xa que para a carreira de 5 quilómetros hai anotadas 512 persoas, e a andaina, que tamén ten un percorrido de 5 quilómetros, xa conta con 938 rexistrados.

A carreira e a andaina comezarán ás 11:00 horas, e as carreiras doutras modalidades empezarán unha hora antes.

O punto de partida será o Cantón de Molíns, onde media hora antes poderanse recoller os dorsais, aínda que quen queira anticiparse pode recoller o seu o sábado 9 en Decathlon.