Así o anunciou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa participación en Ferrol no encontro Turismo. Remataron os trámites pendentes para a cesión por parte da Autoridade Portuaria do local da Casa do Mar, polo que xa se pode asinar o contrato de arrendamento co obxectivo de licitar as obras antes de fin de ano e comezar os traballos na primavera de 2022.
O proxecto permitirá que a cidade conte cun albergue de 60 prazas -unha delas adaptadas- para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés. De feito, situarase nun dos puntos de saída desta ruta xacobea, a terceira máis transitada e que nos últimos anos máis está a medrar. Así, das máis de 170.000 Compostelas entregadas no que vai de ano, máis de 10.200 corresponden a peregrinos que escolleron esta ruta.
O novo albergue sumarase aos 6 cos que conta a rede pública nesta ruta, onde ademais deste novo edificio en Ferrol estaría previsto outro na Coruña. Unha vez inaugurados neste ano os novos albergues de Vigo, A Gudiña e Sobrado dos Monxes, o próximo ano rematarán as obras dos de Oseira, O Saviñao e Vilasantar. Ademais, construirase un novo edificio para acoller aos peregrinos que pasen por Piñor e outro en Riós. Estas actuacións permitirán ampliar a rede pública de albergues ao longo do Xacobeo 21-22 ata as 78 infraestruturas.