Ferrol e a Xunta únense para impulsar a cidade como patrimonio mundial

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, xunto co concelleiro de Cultura, Román Rodríguez_Fonte: ferrol.gal

  • Na reunión tamén falaron da creación dun albergue na cidade e a programación de eventos de cara ao xacobeo

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu este luns no pazo municipal ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, co que mantivo unha “moi proveitosa” reunión de traballo. Á xuntanza uniuse tamén o voceiro do grupo municipal do PP e deputado autonómico, José Manuel Rey Varela.

Entre os asuntos que trataron Mato e Rodríguez atópase a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial, para a que o alcalde pediu a colaboración da Xunta. “Queremos darlle un novo impulso para que sexa unha candidatura de éxito e que posibilite transformar a cidade”, asegurou Román Rodríguez, que lembrou que conseguir a declaración suporía meter Ferrol “nun club tremendamente exclusivo e competitivo a nivel mundial”.

Outros dos asuntos acerca dos que falaron foron a creación dun albergue de peregrinos na cidade, moi necesario por estar o Camiño Inglés en constante crecemento nos últimos anos; a recuperación da vivenda de Carvalho Calero ou a promoción dunha programación na cidade “vencellada ao xacobeo”, no marco da descentralización do ano santo.