- Redróbanse os labores de hixienización nas zonas máis susceptibles de ser empregadas polos menores
O Concello de Ferrol está orientando estes días a limpeza dos espazos públicos á saída dos nenos á rúa a partir do domingo, autorizada polo Goberno, aínda que con restricións que deben ser cumpridas polos pais. As concellerías de Mobilidade, Seguridade e Servizos, dende as que se coordinan este tipo de labores, están poñendo especial atención nas zonas abertas da cidade máis susceptibles de ser empregadas polos pequenos para dar os seus primeiros paseos dende que comezou o estado de alarma.
Os camións quitaneves postos a disposición polo Goberno, as dotacións do Corpo de Bombeiros e os equipos dos servizos de limpeza e de xardíns están repasando especialmente as prazas, os parques e os paseos, lugares nos que é máis doado manter a distancia de seguridade. Os que seguirán pechados son os parques infantís, debido ao risco que poderían correr os menores se comezasen a usalos.
Dende o Concello lémbrase que a saída dos pequenos á rúa debe facerse atendendo ás indicacións do Goberno. Poderán pasear acompañados dun adulto e non afastarse máis dun quilómetro do seu domicilio. Estas saídas (unha o día) están restrinxidas ao período entre as nove da mañá e as nove da noite e só poderán durar unha hora. Está totalmente prohibido que accedan tanto a zonas de xogos infantís como a instalacións deportivas.