Ferrol | O martes 24 abre o prazo para reservar prazas nas visitas ao castelo de San Felipe

1 minutes read

Dentro dos actos cos que o Concello de Ferrol vai conmemorar a batalla de Brión, a fin de semana do 27 ao 29 de agosto vanse desenvolver no castelo de San Felipe catro actividades para as que será necesario reservar praza con anterioridade. A primeira delas, o venres ás 17.00 horas, consistirá nunha visita guiada á fortaleza. O sábado haberá unha nova visita, aínda que neste caso será teatralizada, e comezará ás 17.30. Finalmente, o domingo os máis pequenos terán a oportunidade de participar nunha busca do tesouro a partir das 11.30 horas, mentres que pola tarde, ás 17.30, realizarase unha nova visita guiada. A actividade infantil está destinada a nenos entre 6 e 12 anos (de educación primaria), e por cada unidade familiar só poderá asistir un adulto, co fin de que haxa máis prazas dispoñibles para os rapaces. As inscricións deberanse formalizar a través do correo electrónico das oficinas de turismo municipais (ferrolturismo@ferrol.es). Na mensaxe deberán constar o nome e apelidos de todos os solicitantes (ata un máximo de catro por petición), así como o seu DNI e teléfono de contacto. O número máximo de participantes en cada unha das actividades será de 20 máis o guía. Todos levarán máscara durante o percorrido, tanto en interiores como en exteriores, e tratarán, na medida do posible, de manter a distancia de seguridade en todo momento. A persoa responsable de guiar a ruta porá a disposición de todos xel hidroalcohólico, tanto ao comezo como ao final do percorrido. Os inscritos deberanse presentar no castelo 15 minutos antes do inicio da visita.