O Concello de Ferrol continúa ofertando cursos gratuítos aos diferentes colectivos da cidadanía co fin de proporcionar coñecementos en reanimación e uso de desfibriladores automáticos (DESA) ao maior número de persoas. Xa a recibiron operarios dos mercados municipais e a próxima semana o farán preto dun centenar de persoas dos 15 clubes deportivos inscritos na iniciativa. Esta mesa semana o o Concello ofertou o mesmo curso ás entidades culturais, que xa poden inscribirse no correo coordinadorseguridade@ferrol.es.
A iniciativa, tal e como explicou o concelleiro de Seguridade e Saúde, Germán Costoya, busca “mellorar as expectativas de supervivencia das persoas que sufran unha parada cardiorrespiratoria”. “Tratamos de que o maior número posible de persoas obteña coñecementos para unha actuación precoz ante unha situación de emerxencia”. Ao rematar a formación, os participantes reciben o diploma acreditativo que posibilita o manexo do DESA a nivel nacional. O curso inclúe formación na cadea de supervivencia, en resucitación cardiopulmonar-RCP e en técnicas de soporte vital básico.
Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello tras a instalación nas últimas datas de desfibriladores semiautomáticos (DESA) en distintos puntos da cidade. Na actualidade, Ferrol conta cun total de 40 distribuídos en lugares como os mercados municipais, o centro municipal Torrente Ballester, Biblioteca, Teatro Jofre, Auditorio, en varias instalacións deportivas e no propio Concello. Pola súa banda, a Agrupación de Protección Civil de Ferrol conta con dez unidades e o servizo municipal de praias, que se encarga do socorrismo na tempada estival, con outros nove.