- Estas axudas, cuxa convocatoria se abrirá en poucas semanas, cubrirán o 50% do custe das reparacións
A ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, visitou a cidade de Ferrol para dar a coñecer que o real decreto 778/2020, aprobado o pasado 25 de agosto, vai ampliar a resposta do Goberno ás catástrofes naturais ocorridas nos últimos meses. Deste xeito, o Estado aportará 113 millóns de euros para paliar os efectos de ditas catástrofes, entre as que agora se inclúen os temporais Cecilia, Daniel, Elsa e Fabien, que durante o pasado inverno deixaron numerosos desperfectos en diversos municipios.
Durante a reunión de traballo no pazo municipal entre o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o Delegado do Goberno, Javier Losada e a propia ministra, esta última anunciou que en poucas semanas se vai abrir a convocatoria destas axudas, que cuibrirán o 50 % do custe das reparacións. O Concello de Ferrol ten xustificados ata o momento danos por 191.045,42 euros (aínda se poderían incluír máis), o que suporía unha aportación estatal de 95.522,71 euros para levar a cabo as reparacións. Serían as seguintes: redes de alumbrado público, pavillón de Santa Mariña, cuberta do estadio da Malata, talude do parque infantil de Doniños, instalacións náuticas da nave da Cabana, polideportivo da Malata, polideportivo Javier Gómez Noya, FIMO, piscina da Malata e desbordamento de auga en camiños municipais.
O alcalde, Ángel Mato, agradeceulle o apoio do Estado ao Concello durante a pandemia, defendeu a colaboración entre Administracións “para avanzar como país” e solicitou á Xunta que traballe da man das entidades locais no inicio do curso escolar.