- Este novo convenio triplicaría o número de prazas ao pasar de 15 a 45
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presentou aos grupos da oposición a proposta de aprobación do convenio co Consorcio de Benestar Social do programa “Xantar na casa”. Votaron a favor PSOE, PP e FeC e o grupo municipal do BNG reservouse o seu voto para o pleno da próxima semana, cando se someterá a votación da corporación municipal.
Trátase dun programa que permite cubrir as necesidades básicas de alimentación de persoas maiores ou dependentes da cidade, que requiren axuda para a preparación da comida —ben por ter limitada a súa autonomía persoal, por carecer de apoios familiares ou por estar en exclusión social— proporcionándolles unha atención adaptada as súas necesidades. Tal e como explicou a concelleira, o novo convenio triplica o número de prazas ao pasar de 15 a 45, polo que “a nosa cidade contara cunha prestación de calidade co fin de coidar aos nosos veciños máis vulnerables”.
Proporcionar alimentación equilibrada os sete días da semana
O programa «Xantar na casa» garante a entrega no domicilio do xantar para os sete días da semana. Os menús, tal e como recolle o convenio, serán completos, equilibrados, variados e adaptados ás necesidades, gustos e hábitos dos usuarios. Ademais, estarán supervisados por especialistas en nutrición.
O custo máximo do servizo de xantar será de 7,5 euros por persoa e día. Desta cantidade a persoa beneficiaria achegará o 26,67 %, igual que o Concello, e o Consorcio o 46,66 % restante.