O Concello de Ferrol vén de solicitarlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan de formación para paliar a falta de carga de traballo nas empresas auxiliares do sector naval da comarca. Esta proposta, que contempla retribucións para as persoas que participen nela, tería, ademais, o obxectivo de adecuar a cualificación dos profesionais ás necesidades do novo programa de construción das F110. Así o explica o alcalde, Ángel Mato, nunha carta que remitiu ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e á conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana.
Segundo o rexedor, nestes momentos existe un grave perigo de perder para a comarca a moitos traballadores do naval que se atopan en situación de desemprego. Isto é debido, tal e como aconteceu noutras ocasións, a que os profesionais do sector poden buscar emprego fóra de Ferrol en tanto os estaleiros pasan por un período de baixa actividade, de forma que será moi difícil recuperalos cando se comece a cortar chapa para as fragatas e o naval podería enfrontar un problema de falta de persoal cualificado.
15