Os catro equipos de fútbol sénior do concello disputarán o sábado 30 de agosto a segunda edición do Torneo Concello de Cerceda. No campo de fútbol do Roxo participarán o C.C.D. Queixas, o Club Atlético Cercedense, o S.D. San Martiño e o Rodís F.C.
O torneo presentouse no salón de plenos do Concello. Neste acto participaron a alcaldesa en funcións, Catrina Queijo, o concelleiro de Deportes, Óscar Golán, así como representantes de cada un dos equipos participantes.
O balón comezará a rodar ás 16:00 horas, co partido entre o Queixas e o San Martiño. A continuación, enfrontaranse o Cercedense e o Rodís. Os derrotados xogarán polo 3º e 4º posto posteriormente e, a partir das 19:45, xogarase a gran final desta segunda edición do torneo que organiza o Concello de Cerceda.
A entrega de premios, na que estarán presentes membros do goberno local, será inmediatamente despois do remate da final, e entregarase un recoñecemento aos catro equipos participantes.
O edil de Deportes, Óscar Golán, afirma que “o Concello, visto o éxito que tivo este torneo cuadrangular na súa primeira edición, volve organizalo para celebrar unha festa do fútbol cercedense, cos catro equipos do noso concello competindo nunha xornada festiva na que desfrute toda a familia”.
Deste xeito, Golán anima “a todo o mundo a vir ao campo de fútbol do Roxo a pasar a tarde e ver a amigos e familiares competir por esta segunda edición do torneo Concello de Cerceda”. Para rematar, o edil de Deportes adiantou que “estamos a traballar para, nos próximos anos, ampliar a oferta deste tipo de torneos e facelos tamén en categoría feminina e de veteranos”.