Festas do Carme atípicas en toda a Costa da Morte

2 minutes read
  • O Concello da Laracha programa varios eventos culturais en Caión durante toda a fin de semana, cumprindo escrupulosamente todas as medidas de seguridade.
O barco “Hermanos Chiquita”, engalanado para a ocasión, foi o encargado de levar en procesión a imaxe da Virxe do Carme en Camariñas. Foto.- AJCV_nhdiario.

Todos os anos nestas datas a maioría das vilas mariñeiras da Costa da Morte honrran á Virxe do Carme, a patroa dos mariñeiros, con programas lúdicos, recreativos e culturais. Este ano todo estivo marcado pola pandemia do coronavirus, e as actividades estiveron moi controladas e mermadas en todas as celebracións. Desde Caión ate Fisterra a fin de semana do 16 de xullo tería que haber sido unha das grandes citas festivas do verán, pero case todo quedou adiado para 2021, deus me diante, como se adoita decir. Con todo, na Costa da Morte, que sempre foi un dos epicentros destes festexos, mantiveron o programa; iso si, adaptado á nova normalidade. En Camariñas, houbo misa, danza de arcos e procesión marítima, onde o barco “Hermanos Chiquita” foi o encargado de levar a imaxe da Virxe, malia que sen pasaxeiros a bordo. En Corcubión, a procesión foi en terra, da igrexa ao porto, e en Corme nin en terra nin no mar: houbo traca de foguetes, misa no peirao e saiu un só barco facer a ofrenda floral.

Pase da Danza de Arcos en Camariñas.

O Concello da Laracha programa varios eventos culturais en Caión

Será un programa lúdico e recreativo baixo a organización da Asociación Cultural y Deportiva Peña Royal e coa colaboración do Concello. Desde este venres e ata o domingo tres eventos culturais e recreativos dirixidos a todos os públicos e que se desenvolverán cumprindo escrupulosamente todas as medidas de seguridade. Todos eles terán lugar no aparcamento xunto á casa reitoral, moi preto da praza Eduardo Vila Fano, e baixo unha carpa.

O venres a partir das 22:30 horas proxectarase o filme de animación Ralph rompe internet, que vai dirixido ao público infantil.

O sábado a partir das 20:00 horas Kanbahiota Troup chegará a Caión con seu espectáculo La Coquette, no que se mesturan o humor e o circo. Está protagonizado por dúas personaxes dos anos 50 que se sorprenden co mundo actual no que se atopan.

E o domingo, tamén desde as 20:00 horas, a compañía ceense Talía Teatro porá en escena o seu novo espectáculo infantil Voa, Voa!, dirixido por Artur Trillo e protagonizado por Toño Casais e María Ordóñez.

Na organización deste programa cultural colaboran co Concello da Laracha a Xunta de Galicia a través do programa de dinamización lingüística FalaRedes e a Deputación da Coruña.