Este domingo presentouse no Centro Sociocultural da Gracia a primeira ediciónd de FicRural, a feira e foro arredor dun rural con futuro que se desenvolve esa semana en Santiago de Compostela. O deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas participou xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o director do FICRural, Aser Álvarez, no acto inaugural.
Xosé Luís Penas, sinalou na súa intervención este tipo de foros preséntanse en clave de esperanza para o rural. Mostrou o seu desexo de que FicRural se converta nun «foro para traballar, mostrar e construír en clave rural, en clave país, porque falar do rural é falar de canto representamos e falar de tradicións, cultura, economía, historia. O rural é o berce de quen tivemos a sorte de beber nas súas fontes, máis de toda unha sociedade que xurde del». Avogou tamén para que iniciativas como esta dean a coñecer todo o potencial que ten o rural para o país, tanto económico como social.
Na súa intervención Sánchez Bugallo deu as grazas á Deputación da Coruña pola súa colaboración e destacou que a maior preocupación arredor do rural, sinalou, é asegurar o futuro das novas xeracións: «temos que xerar actividade económica produtiva viable para que os máis novos non teñan que marchar de Santiago nin de Galicia».
A contada de María da Pontragha, o concerto «Terra e alma» de Moisés Quintas foron as actuacións culturais do acto de inauguración.
O director do FICRural, Aser Álvarez, pediu facilidades para a creación de empresas, que poidan xerar emprego e riqueza. A rexeneración é posible. Abonda xa de estereotipos e prexuízos arredor do rural. Chegou o tempo dos acordos, dos consensos e do apoio para os proxectos emprendedores, innovadores e creetivos». O rural precisa «con urxencia un gran pacto político con ampla maioría. Compostela, a capital de Galicia, a aldea máis grande de Europa, pode e debe ser a vangarda deste movemento. FICRURAL nace para avanzar nesta dirección cara un futuro onde outro rural é posible».