O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro martes 10 de outubro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta oitava edición.
Referiuse á importancia “de contarmos con músicas de todos os xéneros e estilos en galego, en especial con propostas que chegan e que gustan a un público mozo, como as das Fillas de Cassandra, a quen, neste sentido, ademais da calidade musical debemos agradecerlle a súa contribución á normalización lingüística”.
Na oitava edición desta cerimonia o grupo vigués Fillas de Cassandra, composto por María Pérez e Sara Faro, recollerá o Premio á Mellor música do ano 2022 en Galicia por II.LISÍSTRATA (varre vasoira), mentres que no caso de alén do Miño, o grupo portuense Retimbrar recibirá o galardón á Mellor música do ano en Portugal polo seu tema Maçãzinha, interpretado con Uxía.