Fin de tempada para o Obradoiro en Burgos onde caía derrotado por 83-77 ante o conxunto local, tras un último cuarto soporífero onde botaba por terra o bo traballo realizado nos tres anteriores.
Xogaban o pasado domingo ás 20 horas no Coliseum burgalés o 6º contra o 14º, sen posibilidade nin de escalar nin de caer postos na clasificación para ningún dos dous equipos en liza. Ambos cos obxectivos conseguidos, playoff para os casteláns e permanencia para os galegos.
Arrincaba o partido co mvp do encontro Birutis (19 puntos, 7 rebotes, 1 asistencia, para asinar 27 unidades de valoración) dominando a pintura e lembrando ao xogador que tanto sorprendeu ao comezo da campaña. 6-15 no luminoso no ecuador do primeiro cuarto. Ata que xurdiu Renfroe (13 puntos, 5 rebotes, 4 asistencia e 19 de valoración) quen cravou o triplo que poñía as táboas no marcador tras un parcial de 10-1, no que Burgos empataba o encontro 16-16. De aí ao final seguiu a igualdade, pechada cunha canastra sobre a bucina de Ozmizrak (8 puntos, 3 rebotes, 7 asistencias e 13 de valoración) que pechaba o acto con 21-21 e impedía que os de azul levasen o primeiro baile.
No segundo cuarto, a boneca de Beliauskas e Ozmizrak salvaban os mobles de Obradoiro con 2 triplos poñendo aos visitantes en vantaxe, 25-29 no minuto 14. Situación que atopou rápida resposta nos de Joan Peñarroya con outro parcial contundente, 11-2 que poñía a Burgos por diante no electrónico. Apareceron Birutis e Robertson, quen minimizou a “vía de auga” compostelá, deixando o marcador nun 42-40 con ambos os conxuntos enfilando o túnel de vestiarios.
Tras o descanso apareceu o mellor Obradoiro do partido, cunha intensidade e nivel de acerto encomiables. Aínda que o primeiro minuto foi burgalés, con canastra de Mc Fadden (16 puntos, 2 rebotes, 2 asistencia e 9 de valoración) e un discreto onte, exObra Kravic, aumentando en 6 a vantaxe dos da terra do Cid campeador, a resposta galega foi contundente cun parcial de 9-25, dominando desde aí ata o final a totalidade do cuarto con 5 triplos anotados e a pesar de ter problemas co rebote. Birutis seguía ao seu, axudado por Robertson (14 puntos, 1 asistencia e 3 de valoración) e Czerapowicz (13 puntos con 4/5 en triplos, 3 rebotes, 2 asistencias e 18 de valoración), quen acabou a tempada a un nivel top, quen vía o aro con facilidade. Remataba o terceiro acto con 9 puntos de diferenza tras un tenteo de 16-27 e unha boa vantaxe para Obradoiro cara o asalto final, 58-67.
Pero chegou o último cuarto e Obradoiro botouse a durmir. A sesta compostelá, traducida en tan só 10 puntos ao final, provocou que os burgaleses remontasen para acabar gañando o encontro. Seis triplos azuis foron demasiada laxa para os visitantes. Cook (14 puntos, 4 asistencias e 13 de valoración) e Barreira deixaban as cousas claras de que ían a por a remontada no minuto 33, anotando senllos triplos, 67-69. Tras 10 puntos consecutivos de McFadden o marcador era volteado polos casteláns, xa sen remisión, 77-74.
Un Obradoiro atascado non era quen de dar coa tecla para parar o vendaval azul e centrarse en acabar coa súa persoal seca. Tras o adiantamento pola dereita do bólido burgalés, tan só restaba coñecer o marcador final, o cal se saldou co 83-77 definitivo.
Seis puntos de vantaxe final local nun encontro intranscendente, pero que ambos pretenderon gañar, levándose o gato á auga os recentes campións da Champions league e a Copa Intercontinental, onde Obradoiro acabou botando por terra o seu bo traballo nos tres primeiros cuartos.
As claves da derrota podémolas atopar, ademais de en a falta de clarividencia ofensiva do último cuarto, tanto na perda da batalla do rebote con 42 locais por 33 visitantes, como nos paupérrimos acertos desde a liña de tiros libres con 10/21. Mentres que o lanzamento exterior contou cun 50% en tiros de 2 e un 47,88% en triplos, mellores porcentaxes que os locais.
Salva o Obradoiro o curso co título da permanencia no peto, algo a valorar moi positivamente e máxime neste irregular e durísimo curso co covid19 como protagonista absoluto.
Descensos para Guipúscoa e Estudantes, equipos que esperamos volver ver pronto na ACB.
Toca reflexión e traballar duro na confección do futuro do club, tratando de minimizar a perda da xente que se despida e sendo precisos na confección dun novo traxe chamado Obradoiro. Coa primeira dúbida por despexar, en coñecer quen será o xastre da tempada 2021-2022. O Obradoirismo clama pola continuidade de Moncho na confección da costura. Agardamos así sexa.
Despedímonos desta tempada coas ilusións postas na próxima que se aveciña. Feliz 50 aniversario a todo o Obradoirismo e felicidades por unha nova campaña en ACB.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO
