Fin de semana cargado de actividades en Mazaricos como broche da Semana Gandeira

2 minutes read

Mazaricos atópase inmersa na celebración dunha nova edición da Semana Gandeira. Este evento, un dos principais do sector gandeiro galego, pon en valor o carácter do municipio como principal produtor leiteiro de Galicia. Ao longo desta semana están a celebrarse distintas actividades, como as visitas escolares a granxas ou a Mesa Redonda Virtual «Situación e perspectivas de futuro do sector lácteo».

Esta fin de semana celébranse as principais actividades, entre as que se inclúe a Gran Sesión Vermuuuu e a Poxa de Gando Frisón «Memorial José Moreira». O sábado 2 pola mañá abrirase a exposición agraria e de servizos, un punto de encontro profesional que se manterá operativo toda a fin de semana. A partir da unha do mediodía o Trío Alborada amenizará unha espectacular Gran Sesión Vermuuuuu, con cantina xestionada polo Mazaricos C.F.

Promo do evento.

Pola tarde terán lugar obradoiros infantís e xogos populares como carreiras de sacos e zancos e tiro de corda. Tamén será o momento da cita coa boa mesa, xa que se celebrará o Concurso de Postres Lácteos no que os participantes poden acudir e presentar sobremesas en cuxa elaboración o leite sexa un ingrediente principal. Haberá premios tanto no concurso como nos xogos. No caso do concurso, o primeiro premio será unha cea para seis persoas, e o segundo, para catro. O terceiro premio será unha cea para dous. Todos os premios poderán intercambiarse por vales de comercio local a razón de 25 euros por persoa, de forma que unha cea para catro persoas poida trocarse por vales de compra por valor de 100 euros, por exemplo.

O domingo celebrarase a Poxa de Gando Frisón «Memorial José Moreira», no que se venderá un total de 26 cabezas de gando, xovencas e primeirizas de ganderías de toda a provincia. A poxa arrincará ás 11h e nela sortearanse premios por un valor de 2.000 euros. A poxa volverá destacarse pola grande calidade dos animais á venda e polos importantes prezos alcanzados, xerando un importante volume de negocio.