Finalizada a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo

Esta rehabilitación integral dota o centro de espazos máis amplos e máis saudables, adaptados aos criterios establecidos polo Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Boa parte das actuacións realizadas no colexio CEIP Plurilingüe San Marcos foron orientadas á mellora da eficiencia enerxética do centro. En concreto, acometeuse a substitución da totalidade da cuberta por unha nova de panel sandwich, así como a colocación de illamento exterior tipo SATE nas fachadas. Ademais, mudáronse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e instalouse iluminación tipo LED tanto no edificio orixinal como nas ampliacións do mesmo. A través desta rehabilitación, o centro conta tamén cun novo espazo de biblioteca, con maior ventilación e iluminación natural, grazas á habilitación para este uso de dúas antigas aulas. A maiores, realizáronse varios traballos de mellora da accesibilidade, como a reforma das ramplas de acceso ao edificio orixinal e dos aseos. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este venres o estado do remate das obras.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha