Finalizadas as melloras do firme e da rede de saneamento en Cabovilaño, A Laracha

1 minutes read
  • As intervencións contaron cun investimento de case 80.000 euros

Este mércores concluíron as obras de mellora na parroquia larachesa de Cabovilaño, consistentes na ampliación da rede de saneamento e o acondicionamento da estrada que une os núcleos de A Braña, A Fraga, A Cacharra e A Teixoeira. No relativo a esta última actuación, procedeuse á pavimentación con aglomerado asfáltico e á ampliación da plataforma da calzada, que agora pasa a ter unha anchura mínima de seis metros. «Isto facilitará as comunicacións rodadas e reforzará a seguridade viaria na zona», destacan desde o Goberno local.

O investimento total deste proxecto achegouse aos 80.000 euros, xa que nunha fase anterior tamén se soterraron as tubaxes nun tramo da vía afectada.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, mantiveron unha reunión co director da obra no propio lugar das actuacións.