- O investimento achegouse aos 50.000 euros
O Concello de Cabana concluíu os traballos de mellora na rede de tratamento de augas residuais do municipio. O alcalde, José Muíño, comprobou esta semana os resultados finais nas actuacións executadas na estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Lodeiro.
Púxose en marcha o tratamento de residuos mediante raios UV e incorporáronse novos sensores, sondas, controladores e transmisores co obxectivo de modernizar e incrementar a eficiencia enerxética das instalacións. O investimento roldou os 50.000 euros.
O rexedor cabanés destacou a importancia desta renovación que «non só asegura o correcto funcionamento dun servizo esencial como é o abastecemento e o tratamento da auga, senón que permite lograr un maior aforro enerxético e económico para as arcas municipais».