Finalizados os cursos formativos do Programa Integrado de Emprego da Laracha

1 minutes read
  • Este luns darán comezo os cursos de Camareiro/a de Piso, Estratexias de Servizos: Calidade e Orientación ao Cliente e Desenvolvemento Web para o Comercio Electrónico

O Concello da Laracha clausurou os cursos de Elaboracións Básicas de Cociña e de Iniciación á Creación de Páxinas Web onde o alumnado adquiriu coñecementos e accedeu a ferramentas para mellorar as súas oportunidades de inserción laboral. Estas accións desenvolvéronse dentro da programación que o Concello pon a disposición das 100 persoas desempregadas que participan no programa, que conta coa financiación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego, Rocío López Rey, acudiron ao último día destas actividades formativas para felicitar aos asistentes e recoller as súas impresións con respecto á formación que recibiron nas últimas semanas tanto no centro sociocultural de Lendo como na aula do Edificio Administrativo do Concello.

O Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha continuará o luns 2 de maio coa súa programación dando comezo a tres novas actividades formativas con amplas oportunidades de emprego: Camareiro/a de Piso, Desenvolvemento Web para o Comercio Electrónico e Estratexias de Servizos: Calidade e Orientación ao Cliente.

Posteriormente os participantes do programa poderán poñer en práctica os seus coñecementos realizando estancias en empresas dos sectores nos que se formaron. Ademais, na última fase os alumnos recibirán formación transversal sobre como enfrontarse con éxito ás entrevistas de traballo ou sobre como procurar ofertas de emprego na rede.