Finalizan as obras de humanización da avenida Ribados, no centro residencial do Burgo


Esta intervención, con cargo ao Plan único da Deputación, ten como obxectivo principal dotar o peón de maior protagonismo nun dos principais núcleos residenciais de Culleredo. A humanización desenvolveuse desde a intersección con Costa da Lonxa ata Visitación de la Encina.

A actuación incluíu a reforma das beirarrúas, para garantir a mellora da mobilidade, e das zonas de aparcadoiro, en formigón impreso. Variouse o eixo da estrada para poder ampliar as beirarrúas e que cumpran cos criterios de accesibilidade.

Dotouse a este espazo de novas plantacións de árbores e mobiliario urbano, coma bancos e papeleiras, para prestar servizos adecuados aos veciños da zona. Así mesmo, incluíuse a canalización para o futuro soterramento da liña eléctrica, que actualmente discorre por vía aérea.

As obras incluíron tamén a colocación de novos elementos de iluminación, de tipo LED, con columnas de 8 metros de altura. Tamén se mellorou a rede de recollida de pluviais, con novos colectores e pozos de rexistro, a de abastecemento, con novas tubaxes, e a de saneamento.