Finalizan con normalidade as probas do primeiro proceso de funcionarización da Xunta


A Xunta de Galicia vén de rematar con normalidade e sen incidencias as probas do primeiro proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo da Administración pública galega no recinto da Feira Internacional de Silleda en Pontevedra, cunha participación do 96%.

As probas desenvolvéronse en catro quendas ao longo de toda a fin de semana. O sábado tiveron lugar os exames para funcionarizar ao persoal laboral do grupo V na agrupación profesional de persoal funcionario (AP) cunha porcentaxe de participación do 93%. A continuación pola tarde, celebráronse as probas para a funcionarización do grupo I de persoal laboral no grupo A1 de persoal funcionario e do grupo III no grupo C1 de persoal funcionario. A porcentaxe de participación foi do 96% con 212 persoas presentadas das 221 que estaban convocadas.

Este domingo foi a quenda do grupo II de laborais para funcionarizarse no grupo A2. A porcentaxe de participación foi do 98%. Do total das persoas convocadas (251), presentáronse 247. Finalmente, pola tarde realizáronse os exames para funcionarizar ao grupo IV de persoal laboral no grupo C2 de persoal funcionario. Neste caso a participación foi do 95% cun total de 283 persoas presentadas, das 299 convocadas.