Finalizan os cursos impartidos pola Cámara de Comercio na Laracha


A celebración do acto de clausura tivo lugar nas instalacións do centro sociocultural de Lendo. Asistiron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello, que entregaron os correspondentes diplomas acreditativos de ter superada con éxito a formación.
Este programa, desenvolvido durante máis de dous meses -entre o 23 de abril e o 28 de xuño-, tivo por finalidade esencial ampliar os coñecementos e capacidades profesionais de mozos inscritos no Fichero Nacional de Garantía Juvenil para mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles novas posibilidades de integración no mercado laboral.
Estivo dividido en dúas partes. A primeira consistiu na formación troncal común para todos os alumnos, cunha duración de 65 horas. A continuación leváronse a cabo as accións formativas específicas, segregando aos participantes entre os que realizaron o módulo de persoal de tenda e comercio electrónico e o de operacións básicas de cociña co carné de manipulador de alimentos. En ambos casos foron outras 120 horas lectivas. Por tanto, en total cada alumno realizou unha formación de 185 horas entre a parte troncal e a específica.
En total participaron vinte mozos, dos cales remataron o programa dezaseis xa que os outros catro lograron insertarse no mercado laboral.
Esta acción formativa desenvolvida pola Cámara de Comercio da Coruña no Concello da Laracha estivo cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do Programa de Cualificación y Empleo (PICE), que á súa vez forma parte da estratexia de emprendemento e emprego xoven do Sistema Nacional de Garantía Juvenil.