A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) terminou os traballos de exhumación no cemiterio de Fornelas, onde se buscaban os restos de Gervasio González, asasinado por terroristas da falanxe en setembro de 1936. Finalmente non foi posible atopar os restos de Gervasio que foron removidos por unha actuación posterior ao seu enterramento que non respectou o espazo no que sen ningún tipo de sinalización fora depositado o seu corpo, aínda que era coñecido o lugar polas persoas responsables do cemiterio.
Con todo, a ARMH solicitará ao concello de A Pobra de Brollón a colocación dunha placa que lembre o ocorrido e que recoñeza a Gervasio González, asasinado por resistir contra o golpe de estado do 18 de xullo de 1936.
Para a ARMH, que fixo un intenso traballo cun equipo de máis de dez persoas, é unha honra levar a cabo a procura, a pesar do resultado, «porque nunha sociedade democrática debemos recoñecer a quen se opuxo ao establecemento dunha ditadura fascista e conquistaron o poder mediante o exercicio dunha enorme violencia», afirman.