- Estas actuacións enmárcanse nos proxectos para a extensión da rede municipal de auga, que contan cun orzamento de máis de tres millóns de euros
A reposición das vías e dos servizos afectados supón o remate das obras de abastecemento de auga ao longo da estrada provincial Carballo-Portomouro, entre Santa María de Ardaña e Canosa-Rus. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Mobilidade, Juan Seoane, realizaron este mércores un percorrido por máis de oito quilómetros de vías.
A actuación, que supuxo un investimento próximo aos 280.000 euros, permite levar o servizo aos lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa; e está deseñada para garantir o subministro a unha poboación de 474 persoas, fixando como horizonte o ano 2030.
O abastecemento de auga era unha demanda da poboación da zona, onde algunhas vivendas xa contan con auga pública tras a instalación dos primeiros contadores. A extensión da rede municipal de auga potable é unha prioridade para o goberno municipal, que na actualidade ten en marcha proxectos que superan os tres millóns de euros de orzamento.