Finisterrae III | Novo supercomputador do CESGA en Galicia


Galicia avanza na era dixital dotándose de infraestruturas de vangarda como o Finisterrae III, que fan do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) un socio tecnolóxico fundamental para o ecosistema galego de I+D+i e os sectores estratéxicos da economía do país. Non en van, será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, que disporá tamén dunha antena en Vigo e outra no Polo Aeroespacial de Rozas, e que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar pulo á I+D+i neste ámbito.

En cifras, este superordenador, que conta cun investimento de 7M€ por parte da Xunta e o CSIC, permitirá resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo, o que supón multiplicar por 12 a capacidade do Finisterrae II. Disporá dunha memoria total que case triplica a dispoñible actualmente. E incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España (30qbits). Polo tanto, dixo Conde, vai ser unha ferramenta fundamental para que os grupos de investigación, os centros tecnolóxicos e o tecido empresarial galego afonden na dixitalización coa incorporación de técnicas como a intelixencia artificial, o big data ou a analítica de datos.

En concreto, o Finisterrae III vai permitir aos grupos de investigación das universidades galegas e do CSIC plantexar proxectos de I+D+i máis ambiciosos que co anterior equipamento non poderían ser abordados. E, de igual xeito, ter acceso a tecnoloxías de computación cuántica a través do simulador que incorpora este ordenador, fará posible que o ecosistema galego de I+D+i se posicione con vantaxe neste ámbito. Deste xeito, toda esta potencia de cálculo dará resposta a infinidade de demandas técnico-científicas e beneficiará a sectores tan diversos como a bioloxía, a medicina, o medio ambiente, as finanzas, a aeronáutica, as telecomunicacións, a automoción ou a loxística.