- O Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión decretou este martes o ingreso en prisión da única persoa detida en relación co alixo.
O Equipo Roca da Garda Civil de Carballo en colaboración coa Garda Civil do Posto de Corcubión, a Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) e o Grupo Cinolóxico da Comandancia da Garda Civil da Coruña desmantelou un punto de venda de substancias estupefacientes na localidade de Fisterra no marco da operación Volvoreta.
A mencionada operación iniciouse por mor das numerosas queixas dos veciños da zona ante o incremento do consumo e venda deste tipo de substancias e a sensación de inseguridade que a trasfega de compradores xeraba entre a poboación. Tras a análise minuciosa da información solicitada ao longo da ardua investigación, os efectivos do mencionado Equipo lograron situar este punto, o cal se atopaba nunha vivenda da zona centro da localidade, próximo a dous colexios.
Unha vez situado e obtidas evidencias da presunta realización de actividades ilícitas nel, a Garda Civil solicitou á Autoridade Xudicial unha Orde de entrada e rexistro da vivenda. Tras a obtención da mesma, os compoñentes do Equipo Roca solicitaron a colaboración da Garda Civil de Corcubión, a USECIC e da Unidade de Guías Caninos para a súa realización, efectuando o mesmo na mañá deste luns.
No transcurso deste rexistro a Garda Civil procedeu á incautación de diversas cantidades de cocaína e haxix, 4.467 euros en moeda fraccionada, diversos útiles necesarios para a manipulación e venda de substancias estupefacientes, 3 computadores portátiles, 11 terminais de telefonía móbil e varios dispositivos electrónicos.
Ante os achados realizados na vivenda, a Garda Civil procedeu á detención dun dos moradores da mesma, como presunto autor dun delito contra a saúde pública. O detido, xunto coas actuacións realizadas e os efectos intervidos, foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión, que este martes decretou o seu ingreso en prisión.