- Desenvolverase en Fisterra do 28 ao 30 de xuño cun programa con algúns dos máis destacados nomes do blues
No acto de presentación da terceira edición do festival Fisterra Blues Experience que tivo lugar este xoves no hotel Bela Fisterra estiveron presentes a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, Javier Turnes, director artístico do festival; Kuka Sar, tenente de alcalde de Fisterra; José Marcote, alcalde de Fisterra ademais do poeta Suso Bahamonde e Lucía Oca, unha das rapazas que están a participar no Blues na Escola, unha das actividades relacionadas que xa está en marcha.
No programa do Fisterra Blues participarán figuras internacionais como Rockin’ Johnny Burgin (EEUU) ou Morgane Ji (Illa Reunión); destacados membros da escena estatal como Los Deltonos, Tonky Blues Band ou Quique Gómez & Curro Serrano; e grandes do blues galego como Marcos Coll Band (residente en Berlín), The Soul Jacket, Andhrea & The Black Cats, Willy & Winnie, Zeltia e Víctor Aneiros.
A presenza galega será, coma sempre, importante. Alén de Marcos Coll e Víctor Aneiros (xa anunciado anteriormente), estarán os vigueses The Soul Jacket, que regresan con novo disco, ‘Plastic Jail’ (2018), no que reinventan a súa fórmula inimitable de Rhythm & Blues, Rock & Roll e Southern Soul. Tamén estará a banda compostelá Andhrea & The Black Cats co seu son que arrecende a Nova Orleáns; o dúo ferrolán Willy & Winnie, que transita do jazz ao rock, pasando polo folk e o blues; e Zeltia, outro dúo que nos trae folk-rock e blues mesturado con outros sons máis acústicos e tribais. Sen esquecer a Fisterra House Band, a banda residente.