Segundo a información difundida pola Garda Civil varios mozos permanecían na terraza exterior dunha cervexaría de Tordoia preto da medianoite. Algúns fuxiron cando os axentes tentaban indentificalos para impoñerlles unha sanción por pasar da hora límite para estar fora. Localizaron uns cantos mozos máis no interior do local, o que pode supoñer unha multa grave tamén para o establecemento.
Os seus responsables din que pecharan a actividade á hora establecida, que as camareiras estaban recollendo e limpando e que algúns dos clientes rezagados que seguían fora se achegaran pola porta de servizo e seguían falando con elas. Insisten en que cumpren cos horarios do toque de queda, e queixanse do rigor co que se aplica a normativa na hostalería fronte a tolerancia que se está tendo, din, nalgunhas áreas comerciais ou cos alumeados de Nadal.
Este non foi o unico incumprimento do toque de queda detectado pola Garda Civil. En Fisterra, os axentes obrigaron a desaloxar unha vivenda e identificaron aos ocupantes que estaban a realizar unha festa ilegal.