FITUR | Carballo sitúase no posto tres de “Destino +Top”


Carballo, entra no posto número tres da listaxe de “Destino +TOP” por votación do público dos 40 canais que compoñen a Cadena Localmedia TV. No número un da convocatoria recoñeceuse a transformación de Bilbao nos últimos anos converténdose en cidade de grande atractivo turístico, e no dous o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

No caso de Carballo, o programa sorprendeu pola súa proposta de turismo global para toda a familia. No espazo televisivo realizouse un percorrido pola vila e o seu mercado, destacando a calidade da produción de cercanía e, de maneira especial, valorouse que se teña convertido nun verdadeiro “Museo ao aire libre” grazas ao traballo de recoñecidos nomes do muralismo que cada ano engaden novas obras ás súas paredes. Ademais, o termalismo e a riqueza das súas praias para a práctica do surf foron outros dos recursos valorados na votación.

O Vicepresidente e deputado de turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, recolleu o recoñecemento na Feira Internacional de Turismo, Fitur.