Fitur-Madrid | Escaparate da Costa da Morte

Pantallas dixitais de Callao en Gran Vía, cun cartel promocional da Mostra do Encaixe de Camariñas.

O Concello de Vimianzo estivo presente este xoves en FITUR, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid do 18 ao 22 de xaneiro, con todo o seu potencial patrimonial, turístico e cultural para continuar a súa consolidación como un dos puntos de referencia da Costa da Morte.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, saíu á palestra do stand de TURESPAÑA para presentar unha peza audiovisual con enclaves únicos situados ao longo das 14 parroquias do municipio.

Seguindo a liña temporal e a pegada do ser humano nos diferentes elementos naturais e arquitectónicos como fío condutor, no vídeo o público poderá divisar lugares especialmente significativos para a veciñanza de Vimianzo e da comarca da Costa da Morte como son os Penedos de Pasarela e Traba; os cabalos salvaxes que dan vida ao Monte Faro; o dolmen da Pedra da Arca, enmarcado nas pegadas do megalitismo na bisbarra; o castro das Barreiras; os Batáns do Mosquetín; o cruceiro de Cheis, sobre o que ademais se está levando a cabo unha investigación para saber se é o máis antigo de Galicia; o Castelo, cuxa festa foi declarada o pasado ano como de Interese Turístico de Galicia; a tradicional Fagía de Carnés e o lugar de Cereixo, coa súa igrexa e a importancia da Translatio para, finalmente, volver aos Penedos durante o solpor, despedindo unha xornada entre a esencia da Costa da Morte: terra, mar e historia.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, comezou a súa intervención agradecendo a TURESPAÑA a cesión do espazo para poder amosarlle ao mundo o noso municipio”, así como “á Ministra Maroto e a todo o seu equipo, e tamén ás persoas presentes por escoitarnos e compartir con nós un anaquiño tan especial como este”.

Quixo lembrarse tamén “de toda a veciñanza, orgullosa da nosa terra, e a persoas que tiveron parte de ‘culpa’ nos recentes descubrimentos e posta en valor do patrimonio vimiancés: Manuel Rial, Damián Álvarez, Víctor Santos, equipo técnico municipal, asociacións, visitantes…”, enfatizando que “sin eles sería imposible estar aquí hoxe”.

Rodríguez rematou a súa intervención dicindo que “sirva aquí, hoxe, este momento, como continuación a algo realmente precioso e vital para nós. Sigamos traballando coa ilusión do primeiro día para que Vimianzo continúe á vangarda, marabillando ós vosos ollos”.

Intervención da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, en Fitur.

Para contribuír á difusión da XXXI Mostra do Encaixe o Concello de Camariñas, ao igual que xa fixera no ano 2020 e no 2022, decidiu levar a Mostra do Encaixe a pleno centro de Madrid. Así, aproveitando a presentación da Mostra en FITUR, programou que durante toda a semana do 16 ao 22 de xaneiro se proxectase nas grandes pantallas dixitais de Callao en Gran Vía un cartel promocional.

A protagonista deste cartel, ao igual que do vídeo, é unha voluntaria da Mostra que, desde unha alfombra vermella, aprecia o fermoso paisaxe que ofrece, desde Reira, o Cabo Vián e o seu impoñente faro.

Na imaxe pode verse o slogan desta edición: ‘Camariñas está de moda’ e unha clara referencia ás datas de celebración do evento: ‘Siempre en Semana Santa’.

O obxectivo desta acción publicitaria é o de continuar a promocionar a Mostra do Encaixe e o turismo en Camariñas fora das nosas fronteiras, para afianzar o evento como capital da moda durante a Semana Santa e atraer un maior número de visitantes.

A alcaldesa, Sandra Ínsua, e a concelleira Encarna Liñeiro, encabezaron a expedición camariñá.

O Concello de Muxía presentou hoxe en FITUR a súa campaña ‘Muxía, a maxia do congro’, unha iniciativa que pretende poñer en valor nun escaparate internacional un produto que é un dos sinais de identidade da vila muxiá, tanto turística como cultural e histórica.

“Muxía, a maxia do congro” é unha campaña promovida polo Concello que consiste no acordo cos dous únicos secadoiros de congro que existen no mundo, e coa que se pretende seguir difundindo a historia e tradición de Muxía a través do secado de congro.

Este ano, ademais, a decisión de traer a FITUR 2023 esta temática é a parte reivindicativa, debido aos ataques aos que se viu sometido este oficio nos últimos tempos. “Lonxe de deixar no esquecemento esta arte centenaria, o que se pretende por parte deste Goberno Local é darlle un novo impulso cunha proposta de conservación e de posta en valor”, destacou Toba.

Promoción e posta en valor do oficio e do produto

Neste acordo, o Concello promocionará o oficio con demostracións periódicas gratuítas para as persoas visitantes e para a veciñanza facendo que os propios secadoiros se convertan nun centro de difusión do secado deste peixe e da historia.

Na presentación, Toba incidiu en que “‘Muxía, a maxia do congro’, é unha maneira non só de poñer en valor o noso municipio como destino senón tamén como recoñecemento a toda a veciñanza que hoxe teño a sorte de representar e que son a mellor mostra da historia e tradición da nosa vila”.

“Tamén queremos defender a nosa cultura e ensinar aos visitantes e aos mais novos as nosas raíces que non podemos deixar morrer”, destacou Toba que aproveitou para agradecer “a gran acollida desta campaña e o apoio recibido por parte de referentes de moitos e diversos ámbitos” e amosou o orgullo “inmenso de representar a este magnifico pobo e ás súas xentes nun evento único a nivel internacional”.


Reunións e actos con Muxía como protagonista

O alcalde Muxía, Iago Toba, presentou nun dos stands máis importantes da Feria Internacional, o de Turespaña, e ante personalidades institucionais e profesionais do sector turístico esta campaña sobre o congro e o mundo do mar.

Ademais, o rexedor viviu unha xornada completa con varias reunións e actos nos que Muxía foi a protagonista: presentación do destino Starlight do que forma parte o municipio muxiá; a asociación de municipios do camiño de Santiago a Fisterra e Muxía; o Xeodestino Costa da Morte; presentación xunto con Turismo de Galicia do do acto “Alén do Solpor, el último atardecer de Europa Continental”; e actos no stand de Paradores, onde quedou reflexado que o aloxamento da vila da Barca está no top 3 entre os mellor valorados de todo o pais.

Intervención do alcalde de Muxía, Iago Toba, en Fitur.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha