FITUR | Presentado o Parador de Muxía


Este xoves continuou a actividade frenética de presentacións relacionadas coa Costa da Morte na Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR). A Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e o presidente e conselleiro delegado de Paradores, Óscar López Águeda, presentaron as novidades da compañía na caseta de Paradores, unha delas, a incorporación á Rede do novo Parador da Costa da Morte, situado en Muxía, que abrirá as súas portas antes de Semana Santa. Neste momento a hostaleira pública ultima os traballos de decoración e posta a piques das súas instalacións.

Vista do Parador de Muxía – Costa da Morte.

O Parador da Costa da Morte é un edificio de case 15.000 metros cadrados, construído ao bordo do Atlántico e completamente integrado na paisaxe grazas á súa localización sobre terrazas con cubertas vexetais. Contará con sesenta e tres habitacións, cinco delas suites, un spa que mira ao océano e unha piscina infinity pool. O novo Parador da Costa da Morte aspira a condensar a esencia de Galicia, a lenda desa zona máxica e a historia do Camiño de Santiago. O edificio albergará unha colección de arte galega, con obras de autores contemporáneos como Francisco Leiro, con chiscadelas á rica artesanía da comarca e con especial acento na fotografía, tanto histórica como actual. Ao acto asistiron tamén o presidente do Parador, Julio Castro, o presidente de Muxía Natural, Jesús Lema e o alcalde de Muxía, Iago Toba.

Vimianzo

Vimianzo tamén está moi presente en FITUR con demostración de artesanía en vivo e a presentación por parte da súa alcaldesa Mónica Rodríguez, do Asalto ao Castelo, que este 2020 cumpre 25 anos, á espera de ser declarada festa de interese turístico nacional, así como a promoción da Faguía de Carnés.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo.

Vídeo-Presentación CMAT

A asociación turística da Costa da Morte (CMAT) deu a coñecer a proposta turística da zona resumida en vídeo como “Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”.