FITUR | O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal centro de atención deste xoves


O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal centrou a actividade da Deputación da Coruña na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo -Fitur- que se desenvolve en Madrid até o vindeiro domingo día 26.

O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, xunto con representantes dos concellos do territorio, participaron en distintos actos arredor da iniciativa, entre eles, a presentación do proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

Tanto Xosé Regueira como a presidenta do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi, difundiron en Fitur os avances no ámbito da comunicación dos últimos meses, en especial, a páxina web que significa un paso importante á hora de consolidar a candidatura e tamén as redes sociais ou mesmo un vídeo promocional que dá conta da riqueza do territorio.