- Os traballadores da empresa ven desproporcionado que se lles grave nas instalacións comúns
Folga intensiva e total durante este luns por parte dos traballadores de Extel na Coruña, en sinal de protesta contra a decisión da empresa de gravar a todo o persoal durante a súa xornada laboral.
Segundo denunciou o sindicato CXT a través dun comunicado que fixeron oficial o pasado 6 de setembro, desde a compañía subcontatra de Movistar, comunicaron aos seus traballadores que despois dunha reunión do comité de empresa, chegaran á decisión de instalar un «novo sistema de vixilancia» a partir deste luns.
Desde a CXT informaron de que este novo sistema «consistirá en colocar cámaras operativas as 24 horas nas zonas comúns e nas salas de traballo, nas que só será posible acceder co recoñecemento da pegada dactilar». Sinalan «inxustificada e desproporcionada» esta acción e non entenden porqué desde o comité de empresa non se comunicou o motivo destas gravacións.
Por este motivo, durante toda a xornada de hoxe, os traballadores estarán en folga e esperan que Extel revoque estas accións.