O sector da limpeza de edificios e locais das provincias de Pontevedra e Ourense mobilizouse este luns para denunciar, segundo informan nun comunicado, a paralización da negociación dos convenios colectivos provinciais ante a negativa do empresariado en pactar unha «subida salarial digna». Así, este luns un grupo de traballadoras e traballadores concentrouse nas sedes de Vigo e Ourense da empresa Eulen, que forma parte na mesa de negociación da patronal do sector.
Desde CIG-Servizos explican que, tras varias reunións co empresariado, as negociacións atópanse en punto morto «como consecuencia da actitude da patronal, que se nega a aceptar unha subida de soldos que permita recuperar, polo menos, o poder adquisitivo perdido nestes dous anos pola subida do IPC». Sinalan que esta cuestión é un «aspecto fundamental» para o persoal do sector, que «padece altos índides de precariedade laboral, con baixos salarios e elevada parcialidade no emprego«.
Anuncian, ademais, que continuarán coas mobilizacións nas próximas semanas «para forzar ao empresariado para pactar un convenio xusto con condicións laborais dignas, cuestión que no caso de Lugo motivou a convocatoria dunha folga indefinida».