“A cultura é un ben necesario que nos conecta como sociedade, axudanos a xestionar emocións e fortalecer o tecido social e económico”. Baixo esta premisa, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, presenta “Follas de outono”, un ciclo cultural ao redor da literatura que se desenvolverá en Baio do 4 de outubro ao 16 de novembro, convertendo ao Concello de Zas no centro literario da Costa da Morte.
Son un total de 9 propostas culturais nas que lle daremos un espazo moi importante á creatividade local. Moitas das citas coinciden con días sinalados no calendario cultural.
A primeira proposta é o sábado 4 de outubro coa presentación do libro “Badius: historia dun grupo de teatro afeccionado (1984-2024)” escrito por Ricardo Vigueret e editado polo Concello de Zas, o quinto, reafirmando o compromiso do goberno municipal coas artes e as letras. A presentación será as 18:00 horas no Auditorio de Baio e estarán o propio autor xunto co Alcalde de Zas, Manuel Muíño, que tamén formou parte deste recoñecido grupo de teatro amador.
Esta programación tamén viaxará aos centros de ensino do noso municipio, e a primeira parada será o 17 de outubro, coindindo co día do patrimonio inmaterial. Será no CPI de Zas ao que levaremos o contacontos “Cantareiras”, de Polo Correo do Vento.
“Follas de outono” continúa o sábado 18 de outubro cunha presentación literaria da man de Marta Villar, autora de “Detective Ferruchi”, Premio Xerais de Novela 2024. O evento terá lugar ás 18:00 horas no Auditorio de Baio e estará acompañada do xornalista baiés Xurxo Sánchez e do Alcalde de Zas, Manuel Muíño. Será uns días despois do Día das Escritoras, que se conmemora o 13 de outubro.
A seguinte parada do programa “Follas de outono” será no CEIP Labarta Pose o día 24 de outubro. Migallas Teatro levará alí a súa obra “Pegadas de Castelao”, coa que lle rendemos homenaxe a esta figura singular da nosa cultura coindindo co Ano Castelao no que se conmemora o 75 aniversario da súa morte. Ademáis, este día tamén está sinalado no calendario como o Día das Bibliotecas.
O domingo 26 de outubro, temos outras dúas cita no Auditorio de Baio. Primeiro, María Lado presentaranos o seu libro “Canta miña compañeira. O legado das cantareiras” ás 18:00 horas. E a continuación, o alumnado do CEIP Labarta Pose representará a obra teatral “Cantareiras”. Ao igual que as demáis citas a entrada é de balde.
Uns días máis tarde, o 30 de outubro, levaremos ao IES Maximino Romero de Lema a obra teatral “Brazaletes”, de Amorodio Teatro.
“Follas de outono” continúa o 10 de novembro, luns, co “Encontro coas letras” que terá lugar ás 16:30 horas no Auditorio de Baio e que enmarca no proxecto de fomento da lectura da “Deputación da Coruña”.
“Cantareiras: tradición e legado” é o acto central e final desta completa programación coa que o Concello de Zas quere renderlle a súa merecida homenaxe ás cantereiras e á poesía popular oral que foron as homenaxeadas polo Día das Letras Galegas deste 2025. A data elixida é o 16 de novembro, Día do Patrimonio Cultural. Será un acto de conversa e de música no que contaremos coa presenza de Fina Casalderrey, numeraria da Real Academia Galega, e no que acturarán os diferentes grupos de cantareiras da Asociación Cultural Adro que levan máis de catro décadas promovendo a nosa cultura popular e que colaboraron con Mercedes Peón, Amancio Prada e Caamaño&Ameixeiras, entre outros. O encontro estará conducido pola xornalista Patricia Blanco, con raíces en Zas; e Alex Ínsua, mestre na Asociación Cultural Adro.