Formación en riscos laborais para o alumnado do obradoiro de emprego de Vimianzo


O alumnado do obradoiro de emprego “Camiño ao emprego 2022” do Concello de Vimianzo, en colaboración cos Concellos de Camariñas e Muxía rematou o curso básico de 60 horas en Prevención de riscos laborais.

Botou a andar o 3 de outubro de 2022 e conta con 20 alumnos/as traballadores/as repartidos/as nas especialidades de “Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción” e “Montaxe de mobles e elementos en carpintería”.

Achegándose case aos dous meses desde o inicio da actividade, as persoas participantes, recibiron xa, xunto coa formación en prevención de riscos laborais, unha parte importante da formación teórica, tanto específica na súa correspondente especialidade como a complementaria en materias de alfabetización informática, igualdade de xénero, sensibilización ambiental, orientación, información e asesoramento laboral e, tamén, clases de compensatoria en Educación Secundaria de Adultos (ESA) para o alumnado-traballador participante que non lograse os obxectivos da educación secundaria obrigatoria ou que non posúa o graduado escolar.

O obradoiro de emprego “Camiño ao emprego 2022”, é o cuarto programa de formación e emprego no que participa o Concello de Vimianzo xunto cos Concellos de Camariñas e Muxía, ten un orzamento de 503. 987 euros, sendo cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Organízase co dobre obxectivo de formar a persoas que se atopan en situación de desemprego en sectores con demanda de traballadores e traballadoras e, tamén, realizar actuacións de interese xeral para a cidadanía. Ao remate, o alumnado traballador poderá optar aos correspondentes certificados de profesionalidade, instrumento de acreditación oficial das cualificacións profesionais con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.