Formación na Laracha sobre a figura do facilitador ou facilitadora procesual

Trátase do profesional que acompaña durante todo o procedemento xudicial ás persoas con discapacidade ou diversidade funcional que presentan dificultades para expresarse ou comprender o proceso. A formación foi impartida por Manuel Seoane, técnico de FADEMGA (Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento), quen explicou as funcións desta figura e o seu papel fundamental para garantir o acceso á xustiza en condicións de igualdade.

No acto, celebrado no Edificio Administrativo da Laracha, participaron representantes do Concello –edil de Igualdade, Rocío, López, directora do CIM, Ana Aldao, e persoal técnico de Igualdade e Servizos Sociais-, da Garda Civil -comandante do posto da Laracha-, dos centros de ensino do termo municipal -directores e orientadores educativos do IES Agra de Leborís e dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión- e do centro de saúde da Laracha -xefe de servizo, pediatra e enfermeira de pediatría-.

Durante a xuntanza procedeuse, tamén, á revisión dos acordos adoptados nas reunións anteriores da Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero co fin de avaliar o seu grao de cumprimento. Así mesmo, analizáronse distintos casos e situacións de especial vulnerabilidade para mellorar a coordinación das actuacións entre os diferentes ámbitos representados e avanzar cara a unha resposta máis eficaz e integral.

O Concello agradeceu a implicación e a colaboración de todas as persoas participantes e dos sectores profesionais representados na mesa, destacando a importancia de continuar traballando de xeito coordinado e comprometido na loita contra a violencia de xénero co obxectivo de ofrecer unha atención cada vez máis eficaz e garantir a protección das vítimas.

Related posts

«Namórate do teu comercio», campaña do CCA Carballo para o Día dos Namorados

O BNG pide a Madrid que elimine a cita previa nas oficinas públicas da Costa da Morte

O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento galego melloras urxentes para os centros educativos de Zas