Formalizado o contrato de execución do Skatepark da Laracha

1 minutes read
  • As obras iniciaranse nos vindeiros días na parte posterior do IES Agra de Leborís

Este mércores quedou formalizado o contrato de execución do proxecto Skatepark no concello da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e o representante da empresa adxudicataria, Zona de Obras O Rosal S.L, asinaron o documento no que se contempla un «ambicioso proxecto» que se iniciará nos vindeiros días e no que o Concello investirá 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios. A finalidade deste parque de patinaxe é «ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil», sinalan desde o goberno local. As instalacións construiranse na parte posterior do IES Agra de Leborís.

O Skatepark disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que o proxecto contempla as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.