Formalizado o contrato de obras de varias beirarrúas na Laracha


  • O alcalde, José Manuel López Varela, e o representante da empresa SYR-AMG formalizaron o contrato de execución do proxecto.

Está valorado en 160.000 euros e dará continuidade ás actuacións desenvolvidas en diferentes rúas do casco urbano da Laracha dirixidas a humanizalas e reforzar a seguridade viaria creando espazos peonís amplos, cómodos e seguros ao estar separado do ámbito de rodadura dos vehículos. Neste caso facilitarase o tránsito a pé entre as rúas Eusebio Bértoa e José Añón, que é unha das vías de acceso cara o CEIP Ramón Otero Pedrayo.

As novas beirarrúas construiranse nunha das marxes da 2ª e da 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo. Cada unha delas ten unha lonxitude de 300 metros, polo que serán creados 600 metros de ámbito peonil cun mínimo de dous metros de anchura. O proxecto contempla melloras na rede de recollida de pluviais, as acometidas dos servizos de saneamento e abastecemento, as canalizacións soterradas da iluminación pública e as telecomunicacións e a reserva de espazos en superficie para a instalación de elementos de sinalización e alumeado.

Esta actuación é un exemplo máis do firme compromiso do goberno local pola humanización dos núcleos urbanos, xa que mellorar as infraestruturas municipais para o tránsito dos peóns mellora a seguridade, aumenta a calidade de vida dos veciños e tamén favorece o comercio local.