- Adxudicado por un importe total de 3,2 millóns de euros, ten unha duración máxima de catro anos
Este martes formalizouse no Concello de A Laracha o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro.
O acordo, rubricado polo rexedor José Manuel López Varela e pola xerente da empresa Siad 24 Galicia S.L., ten unha duración máxima de catro anos (dous iniciais, prorrogables por outros dous máis) e foi adxudicado por un importe total de 3,2 millóns de euros. Contempla a prestación anual de 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia.
As novas condicións establecen que o prezo por hora do servizo básico é de 19,53 euros de luns a sábado e de 20,63 euros os domingos e festivos, mentres que os do servizo de dependencia serán de 18,46 euros de luns a sábado e de 19,50 os domingos e festivos. Dado que o custo do servizo é inferior ao estipulado no contrato anterior, aos usuarios do SAF pola modalidade de libre concorrencia aplicaráselles a rebaixa económica proporcional.
Siad 24 Galicia S.L. é a mesma empresa que viña prestando o SAF no Concello da Laracha nos últimos meses, polo que o persoal que se encargará da atención domiciliaria será o mesmo que realizaba os traballos con anteriormente. Os usuarios tamén poderán beneficiarse do novo sistema de xestión a través dunha aplicación informática, do equipamento extra e dos servizos complementarios que ofertou a empresa no procedemento de contratación.