Formalizados dous proxectos de mellora da rede viaria na Laracha por 240.000 euros

1 minutes read
  • As obras comezarán a executarse nos próximos días

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o representante da empresa Construcciones J. Mauri e Hijos S.L. formalizaron dous contratos de execución de proxectos de mellora da rede viaria que alcanzan un investimento conxunto de 240.000 euros. Tras este trámite administrativo, as obras comezarán a executarse nos próximos días.

Un dos proxectos inclúe intervencións nas parroquias de Erboedo, Coiro, Lestón e Montemaior. En Erboedo actuarase en estradas do núcleo de O Vilar e o seu entorno (incluíndo melloras na rede de pluviais), O Toural e tamén en Vilarmaior, onde se aumentará a anchura da calzada, sendo precisa a construción dunha escollera. En Coiro as obras localizaranse no lugar de Longra, contempládose a renovación do firme e a instalación de sinalización vertical para aumentar a seguridade nun cruce de camiños. En Lestón a actuación afectará á estrada do núcleo da Porta Santa. En Montemaior renovarase o pavimento en vías de Cumiáns (incluíndo o acondicionamento do sobreancho nunha das marxes) e de A Fieira.

O outro proxecto tamén afecta a unha vía da parroquia de Erboedo, en concreto a situada no núcleo de Cendón, e a dúas estradas de Golmar situadas en Requesende e A Calvela. Ademais da renovación da capa de rodadura, nos tres casos inclúense e as correspondentes sinalizacións para aumentar a seguridade viaria.