Formalizados os contratos da mellora viária en seis parroquias da Laracha


O alcalde da Laracha, José Manuel López, o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, e o representante da empresa construtora Ponciano Nieto formalizaron –xunto á secretaria municipal- os contratos de mellora da rede viaria que afectan a seis parroquias do municipio. Tras este último trámite administrativo, as actuacións previstas comezarán a executarse nos próximos días.

Unha desas obras localízase no núcleo urbano da Laracha (parroquia de Torás). Consiste na renovación do pavimento na rúa Manuel Murguía, nun ámbito que alcanza os tres mil metros cadrados de superficie incluíndo tanto o espazo de circulación dos vehículos como as zonas de aparcamento. Contémplanse melloras na rede de recollida de augas pluviais e na sinalización horizontal e vertical.

Outra das actuacións sitúase entre A Xesteira de Lendo e O Castro de Abaixo en Cabovilaño, onde será mellorada a superficie de rodadura da estrada municipal que comunica ambos núcleos.

Na parroquia de Golmar renovarase o pavimento de dúas vías no lugar de Fragoso, unha en San Cristovo e tamén a que comunica o lugar de O Regueiro con Gosende, xa na parroquia de Soutullo.

En Montemaior as obras localizaranse na estrada entre Cumiáns e O Igrexario, nunha vía en Santa Margarida e en dous camiños en O Penedo.

En total, entre todos os puntos de intervención mellorarase o pavimento e a seguridade viaria nunha lonxitude lineal próxima aos 5,5 quilómetros de estradas municipais.