Formalizados os contratos de humanización e mellora de estradas na Laracha

2 minutes read

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e o responsable da construtora SYR-AMG formalizaron os contratos dos dous proxectos nos que a citada empresa resultou adxudicataria, valorados en total en 302.000 euros e que comezarán a executarse nos próximos días.
Un deles centrarase na humanización de varias rúas no casco urbano da Laracha, continuando as intervencións realizadas polo Concello nos últimos anos co propósito de facelas máis accesibles para os peóns, dotalas con mellores servizos, renovar o pavimento e reordenar o tráfico reforzando a seguridade viaria e a comodidade dos condutores. A actuación, cun orzamento de 122.000 euros, inclúe dúas intervencións diferenciadas. A obra principal farase nas rúas Médico David Mallo Gómez, Enrique Muiño (anteriormente, 1ª Travesía Médico David Mallo Gómez) e Uruguai. A rúa Médico David Mallo Gómez nace fronte o punto de atención continuada (PAC) e comunica as rúa Santa Lucía e Arxentina. As rúas Enrique Muiño e Uruguai son perpendiculares á rúa Médico David Mallo Gómez e carecen de saída pola parte traseira. A intervención proxectada consiste na ampliación das beirarrúas para priorizar o tránsito peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal, o establecemento do sentido único de circulación dos vehículos, a renovación do pavimento da calzada -incluíndo os espazos de aparcamento gratuíto- e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Ademais, serán melloradas as redes de saneamento e de recollida de pluviais e realizarase a canalización soterrada para o servizo de iluminación pública. A outra intervención realizarase nun tramo da Avenida Fisterra, na marxe esquerda e á altura do cruce coa rúa da Coruña, onde será ampliada a beirarrúa aproveitando un terreo baldío existente no lugar.
O proxecto de mellora de estradas rurais, valorado en 180.000 euros, inclúe un total de nove actuacións localizadas en catro parroquias diferentes. Mellorarase o pavimento e, por tanto, a seguridade viaria nunha distancia lineal duns catro quilómetros en Cabovilaño (núcleos de Arén e Xeriz e estrada A Fraga-A Barreira), Lemaio (núcleo de O Igrexario e estradas A Fraga-Tuixe e A Xesteira-O Ramo), Coiro (estradas O Coto-O Rapadoiro e Novás-Gudís) e Vilaño (núcleo de Marfulo).

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?