O Concello de Frades está a dar os primeiros pasos para a creación da comunidade enerxética “Frades Enerxía”, que foi presentada á veciñanza o pasado mes de novembro. Unha comunidade que terá o seu centro na instalación fotovoltaica que se instalará no pavillón municipal de deportes de Ponte Carreira e que beneficiará ás vivendas e instalacións situadas a dous quilómetros á súa redonda.
Deste xeito, o Concello de Frades ten previsto colocar unha instalación de paneis fotovoltaicos no tellado do polideportivo municipal de Ponte Carreira, que dará servizo tanto ao propio pavillón como ao CPI de Ponte Carreira e outras instalacións municipais próximas como o local social, o centro sociocomunitario e mesmo á depuradora e á potabilizadora, se fose preciso. Ademais, todas as vivendas e empresas emprazadas en 2 km á redonda do polideportivo poderían adherirse á comunidade enerxética “Frades Enerxía”, o que inclúe todo o núcleo de Ponte Carreira.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “se trata dunha proposta social, que nace co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas de Frades e loitar contra a pobreza enerxética, por iso imos comezar no lugar onde hai maior consumo de instalacións municipais e onde se pode beneficiar a máis veciños e veciñas”. Ademais, adianta que se a iniciativa ten o éxito que se agarda, “a segunda comunidade enerxética constituiríase na contorna do polideportivo de Abellá”. De feito, na análise de emprazamentos posibles para a posta en marcha deste tipo de iniciativas, o Concello de Frades atopou ata unha vintena de lugares aceptables, se ben optou por comezar por aquel onde hai maior consumo enerxético nestes momentos.
Fases
Nestes momentos, o Concello de Frades está na primeira das catro fases da posta en marcha desta comunidade enerxética, a de dar a coñecer a iniciativa e deseñar a folla de ruta, coa obtención dos certificados e recompilación da documentación técnica e legal para a súa posta en marcha. A seguinte fase, que se acometerá a principios de 2024, será a da captación de persoas usuarias e constitución da comunidade enerxética, que daría paso ao análise das actuacións a realizar e o aforro que se conseguirá. Finalmente, na cuarta fase procederíase á redacción do proxecto técnico para a súa contratación e posta en marcha.
