Festas do Apóstolo 2020: actividades para todos pero a través de reserva

Rolda de prensa presentación Festas do Apóstolo_Concello de Santiago

  • Será obrigatorio o uso de máscaras nas actividades

O concelleiro de Festas de Santiago de Compostela, Gonzalo Muíños, presentou este venres o programa das festas do Apóstolo, que este ano se celebrarán entre o 17 e o 31 de xullo. Segundo indicou, as deste 2020 serán «unhas festas excepcionais nunhas circunstancias excepcionais como son as da Covid-19», pero con «propostas para todos os públicos e en formatos máis reducidos e seguros».

As festas arrincarán o venres 17 cun pregón moi especial, co que «queremos render homenaxe a todas as vítimas do coronavirus e tamén a todos estes colectivos que tan importantes foron e seguen sendo nestes meses de pandemia para garantir a nosa saúde, a nosa seguridade e o noso benestar, explicou Muíños. Todo isto mesturado con humor, «que tanto nos fai falta nestes momentos».

As actuais circunstancias condicionan o programa, e malia que todas as actividades son de balde (agás unha actividade no Teatro Principal), haberá que facer unha reserva a través da web reservas.gal, para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade. As reservas poderán facerse dende o vindeiro luns, 13 de xullo, ás 12:00 h. e será obrigatorio o uso da máscaras en todas as actividades.

O concelleiro resaltou dous espazos que «serán un pouco o eixe das actividades, principalmente dos concertos: a praza da Quintana e o parque de Galeras». Para a Quintana, dixo, «reservamos aqueles concertos de maior formato, entre comiñas, nos que podemos garantir unha maior capacidade. Polo escenario pasarán artistas como Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18) ou Ortiga (venres 31).

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío ou Lou Reyes & The Rockin Corsarios.

O concelleiro pechou a presentación lembrando que os fogos do Apóstolo se lanzarán nesta edición dende oito puntos distintos da cidade, o que «permitirá ver unha estampa especial da cidade esta noite do 24 de xullo». Precisamente por esa distribución, fixo un chamamento a «evitar as masificacións na rúa».

Consulta aquí a programación completa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha