Formoso abre unha nova etapa no Grupo Parlamentario Socialista


O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, inaugurou este luns a nova etapa no Grupo Parlamentario Socialista coa “obsesión única de facer política con altura de miras, propositiva” e asumindo a “obriga de ser un instrumento útil á cidadanía”. Así o dixo tras participar na primeira reunión do Grupo Parlamentario logo da designación de Luis Álvarez como novo portavoz parlamentario pola Executiva do PSdeG.

O líder dos socialistas de Galicia emprazou a “vir da casa cos deberes feitos para dedicar o cen por cen do noso tempo a construír un proxecto socialdemócrata para Galicia” e que o Grupo Parlamentario funcione como “correa de transmisión coa dirección do partido e as inquedanzas da cidadanía galega. Confirmou que “tódolos compañeiros e compañeiras do Grupo Parlamentario terán unha función importante” no novo reparto de tarefas. Formoso sinalou que o novo tempo comezará xa dende a primeira sesión de control ao presidente da Xunta sobre a “polémica artificial” do reparto de 9 millóns de euros do Estado.