O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou a sede coruñesa da Fundación Mujeres, unha ONG creada en 1994 con sedes en Galicia, Madrid, Andalucía, Asturias e Extremadura que traballa co obxectivo de lograr unha igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres e coa que a institución provincial coruñesa mantén unha estreita colaboración desde hai máis dunha década. Formoso destacou que «o 8M non é unha xornada festiva, é unha xornada reivindicativa para tomar consciencia de que os avances e conquistas sociais no eido da igualdade nunca están garantidos».
Neste sentido, lembrou que que «hai formacións políticas de ultradereita que están permanentemente poñendo enriba da mesa que os dereitos das mulleres non son unha prioridade e outras que, por convicción, por principios, por tradición política, consideramos que con unha auténtica prioridade». «Debemos defender cada día os avances logrados e seguir traballando porque aínda queda moito por facer no ámbito da igualdade», sostivo.