O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, desprazouse este sábado ata Camariñas para arroupar á alcaldesa e aspirante á reelección, Sandra Ínsua, na presentación da súa candidatura ás eleccións municipais do 28 de maio. Destacou que a rexedora socialista é una “loitadora nata” na defensa dos intereses do seus veciños e veciñas e sinalou que Ínsua é “a mellor garantía” para seguir transformando Camariñas pensando nas persoas.
Nun acto que transcorreu na Casa de Pedra, Formoso non pasou por alto a estreita vinculación de Camariñas co socialismo, formación que leva gobernando o concello dende hai corenta anos. “Se lle vai ben a Camariñas, vaille ben ao PSOE”, abondou o líder dos socialistas galegos, que tamén se mostrou convencido de que Sandra Ínsua poderá revalidar o cargo sen dificultades, pois a cidadanía saberá recoñecer a súa entrega nos momentos de maior dificultade vividos coa pandemia.
Da rexedora dixo Formoso que é “unha loitadora nata”, muller con determinación que estivo “na orixe de todo o bo” que se fixo en Camariñas nos últimos anos, pois a súa vinculación co partido e co concello é moi anterior ao seu posto de alcaldesa. “Está moi comprometida coa súa vila”, engadiu o dirixente socialista, que tamén anticipou que a petición formulada pola alcaldesa para que Camariñas conte xa cun centro de día “vai ter todo o respaldo da Deputación da Coruña”, dado que parece evidente que a Xunta do PP se borra desta demanda e prefire marxinar á veciñanza deste concello.
Tamén participou na presentación da candidatura o secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, quen puxo en valor que os avances e o progreso que acadou Camariñas en todos estes anos débense “ás políticas de impulso económico” dos rexedores socialistas, de Sandra Ínsua e os seus predecesores, que representan a un partido que leva máis de 140 anos loitando contra a desigualdade. Engadiu que Camariñas e a súa comarca se viron “vilipendiadas” polas decisións do PP e da Xunta, pois novamente teñen que saír a reclamar o cumprimento dunha promesa feita pola dereita hai xa 20 anos, como é a construción dunha autovía que ía a acabar co illamento da Costa da Morte. “Vinte anos despois seguimos a reclamar o mesmo porque non cumpren”, esgrimiu.
“Cremos en Camariñas”
Pola súa banda, a candidata á reelección, Sandra Ínsua, puxo en valor os corenta anos ininterrompidos de gobernos socialistas en Camariñas, algo esencial para o progreso da vila neste tempo. Neste recordo á importancia histórica do partido, destacou que a súa lista será pechada por Juan Bautista, quen foi alcalde da localidade durante un total de 24 anos.
Ínsua é xa unha veterana en política, pero declara que quere seguir no ámbito público porque cre “no futuro de Camariñas”, en “darlle a xente unha mellor calidade de vida”, porque “está moi orgullosa de ser de Camariñas e non hai máis honra que representar ao teu pobo alí onde vas”, engadiu.
Agradeceu especialmente o apoio da xente da vila “sen a cal non somos nada”, asegurou, así como o de quen conforma a súa candidatura. Este é “un equipo” que “aposta pola continuidade” e declarou que comparten todos un valor común, que é que “cremos en Camariñas”, concluíu.