Formoso confirma o apoio da Deputación para a ampliación da sede da Asociación Íntegro

1 minutes read

Valentín González Formoso visitou a sede da Asociación Íntegro, en Cabana de Bergantiños, e alí confirmou o apoio económico da Deputación da Coruña para as obras de ampliación do centro que se levarán a cabo proximamente.

O presidente provincial, acompañado do alcalde da localidade, José Muíño, e do presidente da entidade, Adolfo López Baña, realizou unha visita ás instalacións que Íntegro ten en Nantón, onde presta apoio ás persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra desde 1992 e coa que a Deputación mantén unha estreita colaboración.

As obras, que se levarán a cabo proximamente e coas que colaborará economicamente a Deputación, consisten na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrado ao carón da fachada principal polo seu lado máis longo. Esta nova estancia a construír permitirá ampliar a aula ocupacional, a cociña así como o vestiario e aseos feminino e masculino. O obxectivo da actuación é responder á demanda actual, habilitando unhas instalacións axeitadas para dar un servizo de calidade.