Formoso defende a continuidade das empresas pesqueiras radicadas na costa galega

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu este xoves a continuidade das empresas do sector mar industria radicadas na costa “polo seu carácter estratéxico e como centro de xeración de emprego”. Así o dixo durante a visita á planta de Stolt Sea Farm en Lira -Carnota- xunto co alcalde, o socialista Juan Manuel Saborido.

Formoso sinalou que a pesca “é un dos sectores estratéxicos a protexer” como centros de xeración de emprego no ámbito rural – costeiro. Subliñou que “o apoio do PSdeG á produción pesqueira de Galicia pasa por apoiar a presenza de instalacións que necesariamente teñen que estar no dominio público marítimo – terrestre”.

O responsable socialista salientou que “cada día o estamos reclamando” os socialistas galegos “cada día dende as instancias onde se toman estas decisións e dende as institucións nas que estamos presentes”.

Neste sentido, reiterou a aposta dos socialistas galegos por que Galicia xestione a competencia no dominio público marítimo – terrestre pola, dixo, “sensibilidade que se poida ter sobre unha bateeira unha redeira ou unha instalación” sempre será maior dende Galicia que “a que teña un dirixente político dende o Paseo da Castellana”.